Unha ONG de Nicaragua difunde en Galicia os proxectos do Fondo Galego de Cooperación

Illa de San Simón 2012-01-24

Unha ONG de Nicaragua difunde en Galicia os proxectos do Fondo Galego de Cooperación

– Representantes do Instituto de Promoción Humana (INPRHU) irán esta semana aos Concellos de Vigo, Gondomar, Tomiño, Oleiros, Ferrol, A Coruña, Monforte, Sarria e á Deputación de Lugo
– A Visita ao Norte permite sensibilizar á cidadanía e visibilizar as iniciativas cofinanciadas no Sur para construír vivendas ou mellorar a salubridade
Construción de adobes.Construción de adobes.Unha delegación da ONGD nicaraguana INPRHU-Somoto percorrerá Galicia esta semana para dar a coñecer  os proxectos realizados co apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Os Concellos de Vigo, Gondomar, Tomiño, Oleiros, Ferrol, A Coruña, Monforte, Sarria e a Deputación de Lugo, todas elas Administracións socias do Fondo Galego, recibirán a partir de mañá mércores a representantes do Instituto de Promoción Humana.
Trátase dunha das Visitas ao Norte que se organizan para visibilizar as iniciativas cofinanciadas no Sur, pero tamén para sensibilizar á cidadanía sobre os desequilibrios da sociedade internacional. Os parceiros que se achegan a Galicia imparten charlas en centros educativos, reúnense con asociacións dos municipios e  informan ás e aos representantes políticos, nun exercicio de transparencia e intercambio.
Nesta ocasión, visítanos o enxeñeiro agrónomo Armando Rodríguez Portillo, director do Centro de novas tecnoloxías aplicadas ao trópico seco do INPRHU-Somoto, e coordinador do seu Programa de desenvolvemento rural. Canda el vén a traballadora social Marta Beatriz Álvarez Cáceres, coordinadora do Centro de Educación Alternativa Rural Telpochcalli. Ambos os dous visitarán diversos Concellos e Deputacións entre o 25 e o 27 de xaneiro, para pechar a axenda o sábado 28 cunha intervención nos ‘Encontros: Institucións Locais e Solidariedade’ que se celebran co PSdeG no Parlamento de Galicia.
23 intervencións no país
Na actualidade, o Fondo Galego apoia en Nicaragua a construción de vivendas para familias indíxenas, que leva aparellada a mellora da salubridade e a capacitación en agroecoloxía e autoconstrución. Con este son xa once proxectos de cooperación directa co INPRHU-Somoto, promovendo o círculo de desenvolvemento sostible no departamento de Madriz, aos que se suman outros 12 subvencionados a ONGD galegas que traballan no país centroamericano.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *